O Consello da Xunta vai aprobar esta semana un convenio de colaboración entre a Consellaría de Cultura e o Ministerio de Ciencia para crear un Parque de Arte Rupestre en Campo Lameiro. O acordo establece que as dúas administracións participen a partes iguais no proxecto. O parque, que custará 5,4 millóns de euros, pretende pór e valor as máis de oitenta rochas con arte rupestre que existen neste municipio pontevedrés.
Se todo vai como está previsto, o parque temático podería estar aberto en 2009. Para entón xa estarán rematados o edificio e o acondicionamento dos espazos exteriores do propio xacemento. O parque contará cunha superficie de 218.750 metros cadrados e o seu centro servirá para dar a coñecer entre os visitantes este importante patrimonio arqueolóxico. Este inmobles disporá de dous andares. No primeiro deles estarán emprazadas as salas de exposicións, unha cafetaría e unha tenda. No segundo andar haberá unha biblioteca, un centro de documentación, un laboratorio e varias aulas.