Medio Ambiente constata que os despoxos atopados en Sarria son rexeitamentos de plantas de tratamento de residuos sólidos urbanos, procedentes de Alemaña.
A dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental determinou que os despoxos acumulados en tres naves do polígono industrial de Morelle, en Sarria (Lugo), e descubertos a pasada fin de semana, son rexeitamentos de plantas de tratamento de residuos sólidos urbanos, non reciclábeis. Asemade, as investigacións realizadas até o momento constataron que os residuos proceden de Alemaña, e que o volume total dos mesmos se sitúa ao redor das 1.000 toneladas.
A Consellería de Medio Ambiente está a buscar os xestores para o transporte e o tratamento dos despoxos, procesos que, segundo indicaron, tratarán de levar a cabo do mellor xeito e no menor tempo posíbeis.
Residuos non tóxicos
O departamento salientou que non se trata de residuos perigosos ou tóxicos, e dixo que terá tamén en conta os criterios de proximidade á hora de trasladar e tratar os despoxos. Os gastos derivados destes traballos vainos asumir, en primeira instancia, a consellería.
Porén, o procedemento que se siga posteriormente será o que determine a responsabilidade dos feitos e, por tanto, quen deberá abonar a contía destas operacións. O expediente está xa en mans da Fiscalía de Medio Ambiente, que será quen determine se o caso segue a vía xudicial ou a administrativa.