A exposición itinerante en defensa da Rede Natura inaugúrase este luns á tarde no Uxío Novoneyra.
A exposición itinerante Art Natura, promovida por ADEGA, os concellos de Lugo e Santiago e as Consellaría de Medio Ambiente e Cultura, inaugurarase este luns ás 17.00 horas no Centro Social e Cultural Uxío Novoneyra, da cidade lucense. A mostra pretende ser unha actividade "en defensa da Rede Natura e en defensa do medio natural, en xeral", sinalan dende ADEGA.
Lugo é a terceira cidade na que se expón Art Natura, tras Compostela e O Carballiño. Na mostra participan máis dun cento de artistas do país con 102 obras plásticas, 28 literarias, e dúas audiovisuais. Ademais, entre estas, hai máis dunha vintena de obras pertencentes a autores e autoras das comarcas lucenses.
Visitas escolares
A exposición estará aberta ao público até o vindeiro 14 de xuño, dende as 16.00 ás 21.00 horas. Por outra parte, os centros educativos que o desexen poderán concertar visitas guiadas para os seus alumnos. Posteriormente, estes poderán participarán nun concurso de debuxo, inspirado nunha temática ambiental, co resto de escolares de Galiza.
O horario de visita para os colexios é de 10.00 horas a 14.00 horas. Os teléfonos de contacto para os interesados en concertar visitas ou mercar algunha das obras que estarán á venda son o 982240299 ou 669262484.