 
Sinala que "non estamos de acordo coa política de exclusión"
 
											Zapatero recibiu a Ibarretxe esta cuarta feira na Moncloa
Tras dúas horas de reunión entre o presidente do goberno vasco, Juan José Ibarretxe, e o presidente do goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero,  esta cuarta feira, o 'lehendakari' garantiu a "máxima" implicación das institucións vascas na defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns, aínda que matizou que "contra a violencia non vale todo".   
  Ibarretxe, subliñou a necesidade, "agora máis que nunca", da unidade entre partidos e de "acordos políticos" na loita contra a ETA, xa que actuar doutro xeito, sinalou, sería "entregarlles o leme e a xestión da axenda política". 
En referencia á defensa dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o presidente vasco advertiu de que esta materia "debe ser un espazo a compartir", e de que non se pode "misturar co debate político". 
  
Lei de Partidos 
Neste senso, Ibarretxe afirmou que "non vale todo" na loita contra a ETA. "Non estamos de acordo coa política de exclusión e coa aplicación da Lei de Partidos", sinalou, e amosou o seu desacordo cunha "política de dereitos humanos que non se contemple para todas as persoas". 
  
Tamén, desbotou que "as vellas fórmulas do pasado", apoiadas polo PP e polo PSOE, sirvan para melloraren as relaciones entre Euskadi e o Estado español, e recordou que este acordo se fixo "en contra do nacionalismo institucional vasco". 
  
"Intento honesto" de buscar a paz 
O presidente de Euskadi asegurou que a sociedade vasca está "aborrecida" pola ruptura da tregua da ETA. Dixo que Zapatero liderou un "intento honesto" de buscar a paz, que "mereceu a pena", e que "o hai que tentar unha e mil veces". 
Por outra banda, Ibarretxe recordou que "segue a haber un Estatuto", aprobado pola maioría no parlamento vasco -rexeitado no español-, que "segue a ser unha referencia absolutamente válida" para lograr un modelo e "unha relación amábel entre Euskadi e España".   
  
Valoración do goberno español 
Pola súa banda, fontes do goberno español, consultadas polos xornalistas tras a reunión, salientaron a decisión dos executivos español e vasco de cooperaren "con firmeza" ante a ameaza da ETA. 
"A xuntanza demostra o clima de normalidade" que preside as relaciones entre ambos os dous gobernos, malia ás "diferenzas políticas", que son "lexítimas" e que se manifestan principalmente "no eido dos partidos".   
  
O encontro entre Zapatero e Ibarretxe prodúcese no marco da rolda de contactos aberta polo presidente español tras o anuncio da ETA de romper a súa 'tregua indefinida'.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto