O 5 de decembro asinarase o acordo que dará inicio ao chamado Banco do Sur, proposta impulsada polo presidente Hugo Chávez, anunciou o ministro de Relacións exteriores venezuelano Nicolás Maduro na IV Reunión Extraordinaria do Consello do Mercado Común do Sur (Mercosur), en Uruguai.
O ministro venezuelano sinalou que América do Sur debe seguir impulsando  os mecanismos de integración que xa existen e os que están nacendo, como o Banco  do Sur. Indicou que Suramérica debe apostar polos seus propios proxectos para  garantir a súa seguridade financeira, alimentaria e enerxética. O Banco do Sur  nace dunha decisión histórica e soberana proposta polo Presidente Chávez.  
O Banco do Sur ten o obxectivo de ser autónomo das políticas económicas  neoliberais. É un paso previo á proposta de creación da moeda común do Sur,  apuntando ao uso dos capitais a prol dos pobos. Nesta proposta tamén participa  o Goberno de Arxentina. Así o apuntou a Axencia Bolivariana de Noticias.  
Suramérica necesita un novo modelo de integración 
O ministro Nicolás Maduro destacou a importancia no fortalecemento dos mecanismos de integración que  existen actualmente e recalcou que "a adesión de Venezuela ao Mercosur  contribuirá a romper a dependencia financeira". 
O ingreso de Venezuela ao Mercosur está ratificado por Arxentina e Uruguai, dous dos catro países que  conforman o bloque de integración rexional. O Protocolo de Adhesión foi asinado  o 17 de xuño de 2006 por todos os membros, pero Venezuela aínda non é membro de  pleno dereito e está á espera de que os senados brasileiro e paraguaio aproben a  solicitude.