 
 
Os militantes de ERC elixen novos líderes tras o último fracaso electoral. Mentres, o ministro español do Interior asegura que "non haberá referendo" vasco.
 
											O goberno español considera que o dereito de autodeterminación é inconstitucional
O independentismo catalán vive este sábado un novo episodio na súa historia. Tras a contundente derrota electoral nas pasadas eleccións ao parlamento español, chega a renovación de proxectos a Esquerra (ERC), a formación política catalá máis comprometida co arredismo. 
Os máis de 10.400 militantes teñen deica as 20.00 horas para se decantar por algún dos candidatos á Presidencia e á Secretaría Xeral do partido. 
En total hai catro candidaturas. A corrente continuísta Gent d'Esquerra, que presenta a Joan Puigcercós para presidente e a Joan Ridao para secretario xeral, foi a que maior número de avais presentou e a que en teoría conta con máis posibilidades. 
  
"O dereito á autodeterminación é contrario á Constitución" 
Por outra banda, a consulta popular presentada polo goberno vasco baixo o lema Dereito a decidir segue a ser obxecto de manifestacións de rotunda oposición dende o Executivo español. A última,  este venres, do ministro do Interior, Alfredo Pérez Rubalcaba, que asegurou que "non haberá referendo" en Euskadi. 
Segundo este detrás do lema da consulta agóchase "o dereito á autodeterminación", que é "contrario á Constitución (española)" e, xa que logo, constitúe unha "estratexia electoral" de Juan José Ibarretxe para acudir ás urnas "co 'non' do Estado".
"Parece que o Estado está negando un dereito", cando "non é así, porque en España os cidadáns deciden continuamente, mais non temos dereito a decidir se esquecemos que España é un país con normas comúns", advertiu Rubalcaba.
 
						 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto