 
 
Arrancou este sábado en Compostela a campaña dos nacionalistas 'Cremos neste país', previa ao Día da Patria, cun acto ante máis dun cento de simpatizantes.
O voceiro nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, pediulle este sábado á militancia traballar no camiño dunha "nova fronteira para o nacionalismo", co fin de que o BNG se converta na casa común de todos os galeguistas do país". 
  No acto de arranque da campaña dos nacionalistas previa ao Día da Patria, baixo o lema Cremos neste país, Quintana indicou que o BNG ten como "claro obxectivo" liderar o Goberno e non ser un "complemento" para crealo, así como "facer políticas para as maiorías" e aumentar a súa presenza e "influencia en Madrid". 
Durante a súa intervención nun céntrico hotel da capital do país, e ante máis dun cento de simpatizantes, o líder nacionalista fixo ademais balance dos tres anos do BNG na Xunta.    
Para Quintana esta etapa estivo marcada polas "transformacións profundas de cara á mellora de Galiza", como o cambio da "política do cemento pola política das persoas", a valorización dos recursos propios e a "dignificación como pobo". 
Neste senso, indicou que aínda que é "un bo balance" e que se está "no camiño correcto", non se pode ser "autocompracente", polo que manifestou a súa vontade de "ser ambiciosos, inconformistas e loitar por grandes avances". 
  
"Cambio tranquilo" e a "autodeterminación" como meta 
No acto tamén interviñeron a voceira do BNG no Concello de Santiago, Socorro García, que insistiu no "orgullo" da súa formación como "alternativa política para Galiza" e "artífice" dun "cambio intelixente e tranquilo". 
Pola súa banda, a deputada nacionalista Ana Pontón destacou o "decisivo" papel do BNG na Xunta e pediulles aos militantes o "ser ambiciosos" para "intensificar o nacionalismo en Galiza e lograr o recoñecemento como nación", coa meta posta na "autodeterminación".
 
						 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto