 
Esta fin de semana, o Concello de Oleiros inaugurou a 'polémica' estatua do Che. Aos que o critican polos cartos gastados, 'Gelo' recórdalles o investido noutras obras deste tipo.
 
											Anxo García 'Gelo', alcalde de Oleiros
O fillo do Che, Camilo Guevara; os cónsules xerais de Cuba en Galiza, Alejandro Fuentes, e de Venezuela, David Nieves; os escritores Anisia Miranda e Xosé Neira Vilas; o secretario xeral do Partido Comunista do Pobo Galego, Xosé Collazo Castro; mais, sobre todo, medio milleiro de persoas vidas de diferentes partes do mundo (Latinoamérica, Europa) estiveron presentes na inauguración da estatua homenaxe ao guerrilleiro cubano-arxentino en Bastiagueiro. 
  Había máis xente. Moitos medios de comunicación que, segundo o alcalde do Concello de Oleiros, Anxo García Seoane Gelo, deron unha visión pouco obxectiva do evento. E tamén "catro fascistas -non sete nin 48, catro- que traballan en barras americanas e que cobraron 20 euros por ir facer ruído", segundo lle relatou García Seoane a Vieiros.   
Mais o importante, di Gelo, é que a obra -de perto de oito metros de altura e construída polos artistas cubanos Juan Quintanilla e Karoll William- "representa a solidariedade e o internacionalismo dunha persoa que morreu polas súas ideas, e coa que se identifica moita xente". 
"Está claro que o PP ten votos porque hai quen lles vota, pero nós temos máis; ocorre que algúns non acaban de aceptar que nós temos máis", reflexiona o alcalde. "O que non entendo a postura que tivo o Bloque neste asunto -comenta a propósito deste tema-, aliñándose co PP". 
  
"Moita demagoxia" 
Cuestionado pola posibilidade que algúns comentan de facer unha homenaxe máis humilde, Gelo responde que "106 mil euros non é nada se o comparamos cos 57 millóns de pesetas (máis de 340 mil euros) que custou a estatua da heroína María Pita na Coruña, e ninguén dixo nada daquelas". Cita outros exemplos, tal como a efixie á Virxe do Carme, e xustifica o tamaño da do Che "porque se deseñou para unha rotonda; se encargamos un busto perderíase no espazo".
 
  Ademais, respecto a este tema -do que afirma se fixo "moita demagoxia", Anxo García confesa que a obra se lle ofreceu a un artista galego do que, "por respecto", non quixo dar o nome, e que este lle pediu ao concello 80 millóns de pesetas polo proxecto. "Ao final -di- eliximos o que máis nos gustou dun concurso de ideas convocado polo goberno de Cuba".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto