 
 
O alcalde de Muxía considera que é unha "denuncia política" e dende o partido amosan a súa confianza no labor da Xustiza.
"Esta é unha denuncia política, estritamente política, sen ningunha base xurídica e encadrada dentro da imparábel espiral de xudicialización da vida política en que vive o PPdeG. A desvergoña deste xeito de proceder é dificilmente superábel". 
O alcalde de Muxía, Félix Porto, respondeu deste xeito á decisión da Xustiza de aceptar a trámite unha querela do PPdeG, en relación co caso da suposta axente electoral do PSdeG, e pola que está chamado a declarar como imputado. 
"Dedícanse a desnaturalizar as institucións democráticas das que tamén eles forman parte, como a comisión parlamentaria creada para esta causa e o propio Parlamento. O PP trasladou o seu labor de oposición no Parlamento aos tribunais", engadiu Porto. 
O alcalde de Muxía asegurou que "nun período breve de tempo a causa será arquivada como sucedeu coa anterior denuncia do PP arredor da autovía do Barbanza".   
"Ten máis posibilidades de ser condenado o acusador que o acusado", afirmou, e recordou que "o PPdeG aínda non subiu a ningunha tribuna parlamentaria para explicar as circunstancias da entrega dun cheque da Deputación de Pontevedra a un centro galego de México", en referencia ao presidente dos populares, Alberto Núñez Feijoo. 
Por último, o rexedor muxián amosou "o seu total respecto e acatamento ás decisión da Xustiza", e quixo aclarar que esta é "unha actuación preliminar que se realiza habitualmente, un auto previo que permite investigar e dar maiores garantías procesuais". 
Preadismo político
   En termos moi similares pronunciouse voceiro do PSdeG na comisión de investigación parlamentaria, Xaquín Fernández Leiceaga. O deputado socialista afirmou que "o PSdeG non ten nada que esconder sobre este asunto", e que "a Xustiza esta a levar a cabo actuacións preliminares, das que estamos convencidos que non derivarán en ningunha responsabilidade". 
Fernández Leiceaga criticou ademais que "o Partido Popular veu esta fin de semana a Galiza renovar as ideas, e as únicas conclusións que sacan son as do preadismo político cando non teñen argumentos".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto