 
 
"O seu home adoitaba mallar nela, ademais de beber o salario case completo". Escribe María Reimóndez, de Implicadas no Desenvolvemento.
Guerra invisible 
  Selvarani ten 27 anos e ata hai uns meses vivía sometida a guerra no seu fogar. O seu home adoitaba mallar nela, ademais de beber o salario case completo. Ela ten unha vaca da que vai sacando algo para vivir vendendo o leite. Ata que Vanitha foi falar con ela non quixera nunca comentar a súa situación con ninguén. “As veciñas só me habían dicir que aturase ou que marchase para a casa da miña mai”.   
  
  Mais Vanitha, a nosa asesora de xénero, tratouna de forma diferente. Sobre todo porque enfocou o problema de xeito diferente: comezou a darlle asesoramento non só a ela senón sobre todo ao seu home. Dende que iniciou a mediación o home non deixou de beber pero si reduciu o seu consumo e sobre todo deixou de bater nela e contribúe ao fogar. O problema está lonxe de resolverse pero polo menos hai unha raiola de esperanza, sobre todo porque Selvarani é agora capaz de falar do que lle pasa con outras mulleres que sabe que viven a mesma situación e coméntalles que falen con Vanitha, o cal nos axuda a coñecer mellor a extensión dunha guerra tan invisible que só ten vítimas nun bando. 
  
  Estamos en Tiruchy 
  Despois de tres horas de viaxe a entrada por Kattur, un dos suburbios do noso proxecto, indica que estamos en Tiruchy. Non hai cartel que nos reciba excepto o deseño coñecido das rúas e a entrada na moi angosta rúa onde vivo a miña outra vida de forma máis permanente. As caras sorrintes de Manimekalai e de Kavin confirman que unha vez máis estou na casa. 
  
  Relax   
  Hai meses que soñaba con este momento e á fin está aquí. Na clínica de medicina ayurvédica segue o enorme recipiente con auga e flores, a música relaxante e logo a miña masaxista habitual, que me pregunta onde me metera, se estivera todo o tempo aquí ou marchara para outro sitio. A pregunta faime rir, non podería estar un ano en Tiruchy sen vila ver. O meu corpo non mo permitiría.   
  
  A tranquilidade máis absoluta invádeme cando noto o aceite no meu pelo e logo quente sobre o meu corpo, o arrecendo inconfundible desa mestura entre cera e coco. O meu corpo deixa que lle quiten de enriba os pesos, as viaxes, as preocupacións, as ausencias, os amargores e céntrase só no tacto e na fricción. Certamente, hai cousas que non paga o diñeiro.
 
  Crónicas anteriores: 
  
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto