Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESTÁ GARANTIDO O USO EFICIENTE DOS FONDOS PÚBLICOS?

Empresas foráneas foxen logo de espremer plans europeos

A compañía mexicana Vitro Cristalglass abandona Cerceda despois de recibir 650 mil euros do Plan Miner en 2003 por un proxecto que nunca cumpriu totalmente.

Redacción - 10:00 07/09/2008

O mes de setembro deixa quince traballadores máis no paro no municipio de Cerceda. Neste tempo de crise, a noticia non tería moito de novidosa se non fose que a empresa que os deixa na rúa, Vitro Cristalglass, percibiu en 2003, grazas ao Plan Miner, 650 mil euros de fondos europeos. Este plan europeo está pensando para reactivar economicamente as zonas onde se contempla o peche de proxectos mineiros. Así As Pontes e Cerceda (que contaba coa mina de Meirama) levan anos percibindo estas axudas.

A compañía de capital mexicano pecha as instalacións cando cumpre os cinco anos xustos que lle obrigaba o plan a manter a actividade. Ademais pon á venda a parcela no polígono cercedense sen ter demostrado algúns requisitos básicos da subvención. Un dos máis chamativos é que Vitro Cristalglass tiña o compromiso de crear corenta postos de traballo. Porén, aínda que se valorou esta circusntancia á hora de conceder a axuda, isto nunca se levou a cabo. A empresa mantivo en nómina a quince traballadores ao longo destes anos.

Vitro Cristalglass asegura que decide pechar as instalacións pola incidencia da crise inmobiliaria. Tamén afirma que nos catro anos de actividade en Cerceda a liña produtiva nunca foi quen de dar beneficios económicos. Porén, moitos dos traballadores consideran que esta é unha simple excusa e sinalan que a empresa non era deficitaria. A sorpresa do peche é aínda maior xa que a empresa puxo en marcha esta primavera un proxecto idéntico ao de Cerceda no municipio de Vila de Cais (O Bierzo) onde, por certo, tamén se subvencionan novos proxectos a conta do Plan Miner.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: