Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓNS EN CAIXAFORUM, ATÉ O 26 DE ABRIL

Joaquim Mir, paisaxista da luz e da cor, fronte aos trazos dos gravados

Coinciden agora en Barcelona varias mostras de pintores do arco mediterráneo e de hai un século: Sorolla, Mir, Mompou. Pura coincidencia? Exposicións baratas en tempos de crise?

Lito Caramés - 17:30 16/03/2009

Joaquim Mir (Antològica 1873-1940).

La Fundació LaCaixa, dentro dos seus espazos de CaixaForum de Barcelona, presenta unha mostra antolóxica do quefacer deste artista catalán, coetáneo dos grandes fervedoiros da arte contemporánea. Son 80 obras que repasan etapas e vivencias xeográficas e vitais. Tamén (e non faltos de interese) se poden ver uns vídeos caseiros do propio Mir, que agora se rescataron grazas á colaboración da súa familia.

Tense dito que Mir foi un pintor impresionista (algo así como o que se dicía dun coetáneo seu: Sorolla). Outros téñeno por simbolista (mormente na etapa mallorquina, cando a natura cobra vida e se metamorfosea en seres fantásticos). Hai que recoñecer que Mir apostou pola luz. A súa creación é toda cor, toda luz. Pódese dicir que o seu vieiro é parello ao de Sorolla, ao de Van Gogh ou ao de Gaugain. Pero..., sempre estivo fóra da foto. Na historia da arte do século XX só hai sitio (a lo menos de momento) para as vangardas. Se un creador ou creadora ten a sorte (a casualidade, o azar, ou algunha outra circunstancia) que os popes da crítica artística o identifiquen como membro dalgunha das tribos que habitaron o século pasado (cubismo, fauvismo, surrealismo, expresionismo abstracto etc.), se é así, ese artista ten garantida a inmortalidade; un sitio no parnaso. E se cae no pozo dos “inclasificables” é moi certo que só se coñecerá en circuítos minoritarios ou familiares. E non sae na foto. Mir é destes últimos. Andou sempre á súa, pelexando coa natureza de Mallorca, recluído no Vallés, pechado no niño familiar de Vilanova i la Geltru.

Nos anos de aprendizaxe, a década dos noventa (1890), Mir anda coa Colla del Safrà, grupo de pintores de exteriores que usan e abusan dos amarelos e mais dos ocres (por iso o nome). Nestes anos pinta La Catedral del pobres, 1898. A “catedral dos pobres” non é outra cousa ca Sagrada Familia de Barcelona que, daquela, se está a facer por Gaudí. O realismo e a representación das clases traballadoras e das xentes desfavorecidas aproxímano a Nonell e ás súas xitanas, e a Ramón Casas cando fai La Carga, 1899. Que ironías ten o paso desa cousa que descualificamos co pseudónimo de “tempo”!! Quen di hoxe -ante o vergoñento espectáculo turístico-especulativo- que aquela cousa que medra no Eixample barcelonés ten algo que ver cos pobres? Os mercadores, outra volta, no templo?

En 1900 viaxa a Mallorca, e a súa estada na illa marca un cambio nos seus traballos. En Mallorca persegue e descobre a luz nas naturezas agrestes do interior e mais do litoral da illa. Hai pezas destes anos e posteriores, que o sitúan no círculo de influenzas do simbolismo. Algunhas veces tamén lembra Puvis de Chavannes. Mentres, decora o Gran Hotel de Palma de Mallorca (actual Caixaforum-Palma) e fai o propio coa Casa Trinxet (Barcelona), propiedade da súa familia. Para esta casa, obra do arquitecto modernista Puig i Cadafalch, ideou unha chea de vidreiras onde é a natureza a que volve enchelo todo de luz e cores. Mir, máis ca traballar na natureza (cousa que fixo sempre, e non falta quen lle chame paisaxista), poderíase ter por un inventor de naturezas, inventor que se serve da luz para poder fixar as cores. As formas nunca lle importaron.

Os anos vinte e trinta pásaos en Vilanova i la Geltrú coa súa familia. Alí segue a traballar na natureza, facendo exposicións por Europa e América. Daquela merca unha cámara de filmar (moito lle gustaba o cine) e grava escenas familiares e cotiás, nas que -como se dun Orson Wells se tratase- vai saíndo el constantemente. Unha interesante escolma desas gravacións pódense ver agora no Caixaforum de Barcelona.

Un desgraciado incidente coas “novas autoridades”, xusto ao rematar a Guerra Civil, lévano á un estado de depresión e morre no ano 1940.

Signe, Espai, Temps.

Tamén en CaixaForum pódese ver e desfrutar unha exhibición de gravados: Col•lecció d'Obra Gràfica Fundació LaCaixa. Signe, Espai, Temps. Son 42 gravados, escolmados dos máis de 4.400 que ten de fondo a Fundació La Caixa. A mostra permite observar as inquietudes e tendencias que moitos creadores tamén probaron sobre o papel e que en case todos os casos son semellantes ás pinturas e esculturas que foron facendo na segunda metade do século XX. Organizada en tres apartados (como indica o seu título) permite coñecer creacións de grandes artistas.

Signe acolle láminas de Tàpies, de Motherwell ou de Zush. O que se impón é a pegada, o xesto simbólico, querenzoso da escrita, curmán do ideograma. Sempre hai un movemento de man, un marcar liñas, como quen practica a caligrafía. En moitos casos as influenzas orientais son evidentes. Motherwell fai unha homenaxe a Lorca en Lamento de Lorca, 1991. Trazos finos e imperceptibles mesturan a súa tinta con outros grosos e decididos para remarcar a traxedia.

A seguir Espai deixa mirar as teimas de Chillida, ou de Guinovart por mor de saber como as pegadas sobre o papel insinúan paisaxes (fiestras abertas a un exterior, metáfora de outras atmosferas), e de entender que a liña determina e conforma xeografías persoais que xogan co “horror vacui”.

Para rematar, Temps, é comprimido na estética dun galo a piques de cantar, ou latexa na imaxe dun reloxo. O tempo pode aparecer con indumentaria poética, ou cíclica. Plensa ou Rabascall poden erguelo a categoría simbólica, ou ironizalo dentro dun televisor.


EXPOSICIÓN: Joaquim Mir (Antològica 1873-1940)

CaixaForum, Montjuïc-Barcelona

Horario: todos os días, de 10 a 20 horas.

Entrada de balde.

Até o 26 de abril de 2009.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



"Costa de Mallorca", Mir, 1901
"Costa de Mallorca", Mir, 1901
"El Rovell", Mir, 1903
"El Rovell", Mir, 1903
"La Vita", Mir, 1911 (detalle)
"La Vita", Mir, 1911 (detalle)
"Lamento de Lorca", Motherwell, 1991
"Lamento de Lorca", Motherwell, 1991