O ano pasado destruíronse un total de seis mil compañías galegas, mentres que no que levamos de 2009 seguiron o mesmo camiño outras dúas mil.
Os traballadores autónomos son outros dos grandes damnificados da crise económica. Ademais de padecela como calquera outro traballador, atópanse cun problema engadido que lles afecta de xeito máis directo, o da restrición do crédito.
Segundo os datos da Asociación de Autónomos (ATA) no Estado Español hai un total de 3,3 millóns de traballadores autónomos e os bancos están a negar os créditos a oito de cada dez. Así a situación, en Galiza, onde a cifra de autónomos ascende a 231.000, estanse a destruír unha media de 45 empresas diarias, co que no ano pasado pecharon as súas portas en torno a seis mil. Se nos centramos nos meses que levamos de 2009, outras 2.300 empresas galegas tiveron que abandonar o mercado, unha cifra que continúa a incrementarse e que está lonxe de ver o seu remate.
Medidas urxentes
O presidente desta organización en Galiza, Rafael Granados, adiantou que un milleiro de autónomos galegos acudirán o vindeiro xoves a unha concentración en Madrid, coa que pretenden facer visíbel a súa situación. "Non é unha manifestación contra ninguén", insistiu, "senón unha medida de presión para solicitar medidas que axuden ao elo máis débil, pero máis importante da cadea produtiva". Entre estas posíbeis medidas, Granados incluíu o aprazamento do pago do IVE, a redución nas prestacións á Seguridade Social e unha modificación na Lei de Morosidade.