Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Coa escusa de que "non hai demanda"

Fomento bloquea a conversión do peirao de Alcoa en porto comercial

A demanda de liberalización do dique norte do porto de Alcoa foi aprobada por unanimidade no Congreso. Así e todo, o goberno español frea o proxecto.

A. Rodríguez - 14:30 28/04/2009
Detalle do dique norte, o de Morás (clique para ampliar)

Detalle do dique norte, o de Morás (clique para ampliar)

O 25 de setembro do ano pasado, a Comisión de Fomento do Congreso español aprobaba, por unanimidade, e a instancias dunha pregunta do BNG, solicitarlle ao goberno do Estado que encetase unha serie de conversas coa multinacional Alcoa. O que se procuraba é que a empresa estadounidense deixase libre o dique norte do porto de Morás (no Concello de Xove, na Mariña), para que se puidese empregar como porto comercial. Porén, aínda que naquela altura o Ministerio de Fomento prometera comezar as negociacións nun prazo de tres meses, estas aínda non se produciron.

No canto de sentar nunha mesa coa dirección da transnacional, dende Fomento elaboraron un informe no que se sinala que "non existe demanda" na zona para un porto tal, e que "a oferta existente pode atender, en condicións axeitadas, o tráfico". A seguir tamén se pode ler, neste documento, que "en todo caso, a transformación (do dique norte do porto de Alcoa) suporía unha redistribución de tráficos entre portos, xerando problemas de sobrecapacidade naqueles nos que se poida producir desviacións de tráfico".

"Abrir o porto norte de Alcoa ao tráfico comercial é unha reivindicación de vello"
Vieiros falou con Xosé Ramón Ermida Meilán, responsábel-voceiro Comarcal do BNG na Mariña, quen contou que a reivindicación de abrir o porto ao tráfico comercial é "unha demanda que vén de vello, que desenvolveron, dende hai polo menos 20 anos, as forzas sociais e políticas da bisbarra". A seguir, Ermida lembrou que, nesta liña, houbo un primeiro acordo unánime entre as dúas forzas que ostentan o poder na Deputación de Lugo -PSdeG e BNG-; un feito que posteriormente se repetiu coas tres forzas con representación no Parlamento -PSdeG, BNG e PPdeG. "Nesta mesma dirección, tamén se aprobou o acordo no Congreso español, e deuse o prazo de tres meses para que Fomento comezase unhas negociacións que nunca se deron", lembrou o responsábel nacionalista na Mariña.

"Non só non se falou nada, senón que sacaron unha análise de manga sobre a oferta e a demanda de carga neste porto, cando os informes da Cámara de Comercio e da Confederación de Empresarios de Lugo evidencian que non é así, dado que as empresas de transformación da provincia -pesqueiras, forestais e outras moitas industrias- precisan unha zona de descarga propia, xa que agora se ven obrigados a empregar os portos da Coruña ou Xixón (Asturias)", sinalou Ermida Meilán.

"É escandaloso que Blanco reivindicase a súa apertura en campaña, e agora pase"
Nesa liña, Xosé Ramón Ermida Meilán lembrou que este "incumprimento dos acordos parlamentares" é unha "falta de respecto, un auténtico desprezo" para os veciños da Mariña, mais cando o PSOE, partido que goberna no Estado Español, recollía no seu programa electoral esta reivindicación. "Non deixa de ser curioso que Xosé Blanco, o actual ministro de Fomento, quen ademais é deputado por Lugo, fose o señor que nesta campaña e na anterior reivindicou a innegociábel reapertura do dique".

"Carga claro que hai, o que non é interese en xerarlle competencia a outros portos"
"Non é unha postura racional a de Fomento. Se cadra perseguen non restarlle competitividade a outros portos do Estado e hai tamén o problema de fondo de que Alcoa ten a concesión do porto até 2024, mais o que é claro é que obviaron o consenso social e político que hai en Galiza, e a demanda real que existe", subliñou o responsábel do BNG na Mariña.

"Un auténtico saqueo para Galiza"
Nesta liña, Ermida Meilán lembrou unha reivindicación da súa formación política, a transferencia da xestión dos portos de interese xeral para Galiza. "Non ten sentido que uns estean en mans do Estado e outros en mans galegas", dixo Ermida, recalcando que este feito "é un negocio ruinoso para o noso país", xa que os portos recadan todos, pero o 80% dos cartos só se invisten en tres, "o de Bilbao, o de Alxeciras e o de Barcelona", o que supón, segundo dixo, "un auténtico saqueo para Galiza". Ter a titularidade dos portos de interese xeral tamén permitiría, segundo Ermida, "desenvolver un plan de usos moi necesario, e que agora, na situación actual, non ten sentido, como non o ten duplicar estruturas". "O sistema é prexudicial para Galiza, e o problema non está no veciño, senón no modelo actual", concluíu Ermida.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Unha imaxe da planta de Alcoa, situada entre os concellos de Cervo e Xove (A Mariña)
Unha imaxe da planta de Alcoa, situada entre os concellos de Cervo e Xove (A Mariña)
Imaxe, de Google Maps, na que se aprecian os dous diques do porto de Alcoa (clique para ampliar)
Imaxe, de Google Maps, na que se aprecian os dous diques do porto de Alcoa (clique para ampliar)