Publicamos polo seu interese informativo unha análise do recoñecido escritor hondureño sobre os últimos acontecementos no país centroamericano.
Roberto Quesada
"Alta es la noche y Morazán* vigila" (Pablo Neruda)
*Francisco Morazán (1792-1842), xeneral unionista de Centroamérica
En Honduras non só se deu un golpe de estado o 28 de xuño senón dous, un un pouco antes: o golpe desinformativo co que se aterrorizou o pobo hondureño, o terríbel golpe mediático. Enfatizouse no continuísmo do presidente Zelaya, cousa que el xamais mencionou, e aínda que para outros países soe gracioso e ridículo, a verdade é que en Honduras, aproveitándose dos baixos niveis educativos e das supersticións, chegouse mesmo a dicir cousas como que de se dar esa cuarta urna chegarían os comunistas a comer nenos.
Os golpistas tentan desesperados convencer un mundo que xa os condenou que o acontecido en Honduras non foi golpe de estado. É absurdo e quizais mesmo innecesario reiterar que si foi golpe de estado, pois o mundo enteiro xa viu a través das imaxes a brutalidade militar contra o pobo hondureño.
Debemos saber que o golpe de estado non se fraguou da noite para a mañá, por iso os golpistas tiñan preparadas as súas estratexias para contrarrestar a ofensiva que viría de parte do pobo hondureño. O primeiro foi aterrorizar o pobo.
Agora, a través de paga, ameazas e chantaxe quérenlle facer crer ao mundo que as "manifestacións" a favor dos golpistas son reais. A verdade é outra.
1. Dá vergoña dicilo mais é a realidade, somos un pobo bastante desorganizado, de alí que da noite para a mañá aparezan os "manifestantes" a favor do golpe uniformados, quen tan axiña lles brindou eses uniformes brancos? Aparecen con miles de bandeiras hondureñas. Os hondureños sabemos por experiencia que se o seu fillo necesita unha bandeira, escudo, unha foto de Morazán para as súas clases na escola ten que andar de papelaría en papelaría vendo onde logra obter un destes símbolos patrios, agora, dun momento a outro, sobran as bandeiriñas hondureñas. As que se utilizan cando xoga a Selección Nacional de Fútbol son ben diferentes a estas de papel.
2. Resulta irónico que aos manifestantes en contra do golpe se lles poñan barricadas, se lles pechen as estradas, ametrallan os seus buses e aos "manifestantes" a favor do golpe se lles brinden todas as comodidades e os resgarden para faceren as súas "protestas". Que conste que esta xente está ameazada polo "goberno" golpista e a empresa privada de que de non asistiren a ditas "protestas" perderán os seus empregos.
3. Se é tanta a xente que apoia os golpistas, entón por que o Congreso, en inusitado retroceso da democracia, aprobou restrinxir as garantías individuais? Os dereitos afectados son a inviolabilidade do domicilio, o dereito a protestar pacificamente, dereito de asociación, estender por máis de 24 horas o arresto dun particular sen se lle presentar cargos e a liberdade de movemento no país. Este decreto aprobado polo Congreso practicamente deixou en estado de sitio o país. A iniciativa parece estar encamiñada a previr calquera manifestación nas rúas con motivo do regreso do deposto presidente Manuel Zelaya a Honduras para este sábado (4 de xullo)
4. En documento que circulou na internet, unha das poucas posibilidades que ten o pobo hondureño de se comunicar, do Poder Xudicial, da Dirección de Administración de Persoal Laboral, asinado pola Xefe de Persoal Laboral, Sandra Lizeth Rivera Gallo, onde "convida" o persoal laboral a unha chamada "Marcha pola Paz", que os medios internacionais están erroneamente chamando como apoio aos golpistas. Recibín moitos correos de compatriotas de total credibilidade, sobre que aos teléfonos móbiles e aos correos están a chegar os enderezos da CNN e de organismos como as Nacións Unidas, incitándoos a que escriban e chamen para ampararen o golpe. Non debemos esquecer que o 90% da poboación hondureña non ten computadores.
É un momento histórico en que o pobo hondureño debe estar atento a non se deixar enganar, manipular. A democracia está ferida, mais estamos a tempo de que non nos morra.
Roberto Quesada, quen o prestixioso escritor norteamericano Kurt Vonnegut cualificou de "claro, vivaz e moi talentoso escritor", naceu en Honduras en 1962. Desde 1989 reside en Nova York. Na actualidade é conselleiro da Embaixada de Honduras ante as Nacións Unidas.
En 1986 fundou e dirixiu a revista literaria SobreVuelo. É autor do libro de contos 'El desertor' (1985), e das novelas 'Los barcos' (1988) e 'El humano y la diosa' (1996), que obtivo o premio do Instituto Latinoamericano de Escritores nos Estados Unidos.
A súa máis recente novela, 'Nunca entres por Miami' (Mondadori, 2002), figurou varias semanas na lista de libros máis vendidos dos Estados Unidos. O seu último libro, que leva por título 'La novela del milenio pasado', foi publicada pola editorial Tropismos.