 
 
A plataforma a prol do dereito de autodeterminación convoca a manifestación do sábado e presenta un programa de actividades lúdicas.
A plataforma social e política Causa Galiza convocou este luns  con motivo do Día da Patria unha manifestación que se celebrará este sábado en Compostela. O lema elixido este ano, o terceiro consecutivo, é "Contra a crise do capital, soberanía nacional". A marcha partirá ás 13.00 horas da Alameda. 
  Posteriormente, está prevista unha xornada cun xantar popular e un programa de actividades culturais, deportivas e políticas no parque de Belvís, entre outras: palestras, presentacións de libros, xogos populares, actuacións musicais e proxeccións. 
  
O voceiro da plataforma, Pedro Alonso, explicou que o Día da Patria deste ano está marcado pola "grave crise socioeconómica capitalista que atenaza a sociedade e provoca o aumento do desemprego, a temporalidade e a precarización; o feche de empresas e a aplicación de EREs, moitos sen xustificación, a emigración da mocidade e o asalto xeneralizado aos dereitos sociais".   
  
Neste contexto, defende Causa Galiza, "é máis necesario que nunca demandar o dereito de autodeterminación". Consideran que "na actual situación de dependencia", o país "está a xogar unha partida coas mans atadas, e neste contexto sempre seremos de segunda".   
  
O manifesto, lido por Laura Bugallo   
Por outra banda, Alonso informou de que ao remate da manifestación se lerá un manifesto como  vén sendo habitual. Nesta ocasión a encargada de o facer será "unha persoa destacada polo seu traballo no ámbito sindical e nomeadamente na defensa dos dereitos das persoas inmigrantes: Laura Bugallo, que ademais hai dous meses pasou por uns malos momentos persoais, precisamente polo seu compromiso sincero". 
  
Na presentación, que tivo lugar no local social A Gentalha do Pichel, ademais de Alonso, estiveron outros membros da Portavocía e representantes da media ducia de correntes políticas que a integran (Corrente Vermella, Espaço Irmandinho, Fronte Popular Galega, Movemento pola Base, NÓS-Unidade Popular e Partido Comunista do Povo Galego), así como de diversos colectivos e locais sociais.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto