 
O pasado 10 de decembro celebrouse un novo aniversario da proclamación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos. Cando se consolidou en España a Corrente Somos Igrexa, fai xa trece anos, redactouse un manifesto de dez puntos baseado no documento orixinal do movemento Somos Igrexa e ampliado nalgúns aspectos.
  
   Igrexa e  Dereitos Humanos 
 
 O título deste  manifesto é: “Por unha Igrexa consecuente coa defensa dos Dereitos  Humanos” e no primeiro parágrafo di o seguinte: “Desde a Fe no  Evanxeo traballamos cada día para que a nosa Igrexa se entregue plenamente  á defensa da dignidade humana, pero nela aínda existen institucións,  normas e comportamentos que contradín tal compromiso”.
 
 Resulta incrible  que o Estado Vaticano aínda non asinase a Declaración Universal de  Dereitos Humanos desde que se adoptou pola ONU o 10 de decembro de 1948.  Non se pode alegar por parte do Vaticano que non é membro de pleno  dereito, pois si que subscribiu outros convenios.  
   
  
 
  As razóns  dunha negativa
    Que o Estado  Vaticano non subscriba a Declaración non é unha cuestión menor pois  o artigo 1 da mesma indica: “Todos os seres humanos nacen libres e  iguais en dignidade e dereitos e, dotados como están de razón e conciencia,  deben comportarse fraternalmente os uns cos outros”. Se asinase, debería  inmediatamente acabar, entre outras cousas, coa discriminación milenaria  á que someteu ás mulleres, e debería acabar tamén coa estrutura  non democrática que mantivo durante séculos.
     É indubidable  que os século XX e XXI amosan como sinais dos tempos a incorporación  da muller en igualdade de dereitos a todos os aspectos da vida social  e política, a democracia como mellor sistema de goberno dos países  e institucións, a liberdade de expresión, o diálogo intercultural  e interrelixioso ou a non discriminación pola orientación sexual.  Son metas e obxectivos desexables que a Igrexa acepta e ata demanda  para outros, pero non vive dentro dela.
     Avergoñámonos  profundamente de que o artigo 1 da Declaración Universal dos Dereitos  Humanos sexa máis cristián que a Igrexa á que pertencemos, pois  o que se propugna nel é a dignidade humana e o amor fraterno. O cristianismo  non pode afastarse da realidade de cada momento histórico e manterse  ancorado nunha organización doutras épocas. Está en xogo a credibilidade  dunha Igrexa que esixe cara a fóra o que ela mesma non cumpre cos seus  membros.
     Un cambio  inaprazable
    O Concilio  Vaticano II xerou moitas expectativas sobre a renovación da Igrexa,  abríronse portas a unha maior colexialidade, á participación  dos laicos e a unha apertura máis ampla da Igrexa cara ao mundo. Cantos  grupos e comunidades da Igrexa católica viven a súa fe alentados por  esa eclesioloxía que se foi desenvolvendo a partir do Concilio!
   
  Con todo, estes  avances non se están traducindo en cambios de fondo institucionais  ou do Maxisterio da Igrexa. Por iso pedimos que o Estado Vaticano firme  a Declaración Universal dos Dereitos Humanos e que a Igrexa católica  actúe en consecuencia tanto na súa estrutura interna como no seu compromiso  en contra da inxustiza e a favor da dignidade humana. 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto