Obama, no seu discurso de aceptación do Premio Nobel da Paz, en Oslo, resucitou o vello proverbio latino, atribuído a Flavio Vexecio, “si vis pacem, para bellum”, se queres a paz, prepárate para a guerra, un dito especialmente perverso, millóns de veces repetido, que cumprimos –inexorablemente- durante séculos. E facemos aquilo para o que estamos preparados. Pero xa vai sendo hora de que fagamos realidade un pensamento alternativo, un obxectivo que reclamamos desde o movemento de Educación para a Paz e que fixo popular Federico Mayor Zaragoza parafraseando o anterior: “Si vis pacem, para pacem”, Se queres a paz, prepara a paz, axuda a construíla cada día, contigo mesmo (autopacificación crítica) e cos demais, reivindicando que a guerra sexa, finalmente, declarada ilegal, como método para abordar os conflitos, porque abolir a guerra debera ser un imperativo ético e moral das persoas decentes do século XXI.
      Houbo  no pasado Ministerios de Guerra, logo se transformados en Ministerios  de Defensa, e haberá, sen dúbida, Ministerios de Paz. Así mesmo,  acabaremos creando un organismo internacional de Gobernanza Planetaria,  unhas Nacións Unidas -profundamente reformadas-, con lexitimidade,  medios e capacidade para intervir, mesmo coa forza se fose necesario,  diante de catástrofes humanitarias, xenocidios, enfrontamentos bélicos  e situacións que vulneren inequivocamente os Dereitos Humanos. Isto,  sabémolo, ten moi pouco que ver coa realidade actual. As actuacións  unilaterais dos Estados, chámense como se chamen, por moi poderosos  que sexan, a invasión violenta e a ocupación militar dun territorio  para impoñer os seus criterios e intereses pola forza, ese concepto  de guerra, preventiva, xusta ou santa, da igual como se cualifique,  será cada día, menos aceptado pola cidadanía global, e niso confiamos.  
        Non  descobre nada novo Obama cando resucita o termo de guerra xusta,  xa empregado por Tomás de Aquino no s. XIII. Todas as guerras son consideradas  “xustas” polos seus promotores, chámense Bush, Obama ou Bin Laden.  Esta é unha evidencia histórica. Mesmo o bombardeo nuclear de Hiroshima  e Nagasaki foi aceptado como “útil”. Cómpre ler o magnífico poema  do norteamericano Sam Keen, sobre a creación do inimigo, o “Homo  hostilis”. Nos versos finais afirma:
     “...cando teñas  rematado o retrato do teu inimigo, poderás matalo e  despedazalo sen sentir vergoña  nin culpa ningunha. Porque entón o que  destruirás terase  convertido nun inimigo de Deus, nun obstáculo para  a sagrada dialéctica da historia” ![]()
  Moi pouco ten que o discurso do  mandatario norteamericano en Oslo co pronunciado hai meses no Castelo  de Praga, onde se comprometeu a abandeirar o desarmamento nuclear. Ou  co que lanzou no Cairo en relación co Islam. Aquelas foron declaracións  estratéxicas, como o anuncio do peche de Guantánamo (aínda pendente)  ou a retirada de Iraq, un conflito que sabe imposible de gañar. Estes  anuncios, o cambio radical na política internacional en relación con  Bush, foron os que quixo recompensar en Oslo o Comité Nobel, un camiño  para facer entre todos, conxuntamente, sobre a base do multilateralismo,  o diálogo e a negociación, alianza fronte a choque de ignorancias  (que non de civilizacións), e cos dereitos humanos no horizonte.  
        José  Antonio Marina explica, na súa magnífica obra filosófica e pedagóxica,  que a gran construción humana non é, contra o que podería parecer,  a alta tecnoloxía acadada nos últimos séculos (particularmente para  a morte), os enormes avances médicos e científicos, ou a grande capacidade  humana para escudriñar no espazo exterior, nada diso. A gran construción  da Humanidade é a plasmación e regulamentación, en códigos ético  xurídicos, da nosa convivencia pacífica e que ten, precisamente, nos  Dereitos Humanos, unha das súas máximas expresións universais.  
        Por  iso sorprende o grao de descoñecemento, mesmo en ámbitos académicos,  da Declaración Universal de 1948, a pesar dos grandes esforzos  realizados por entidades da sociedade civil que adicamos tempo e recursos,  desde hai anos, á Educación para os Dereitos Humanos. Foi,  sen dúbida, como consecuencia dos insistentes chamamentos a incorporar  estas ensinanzas no currículum escolar que, na actualidade, teñamos  Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos impartíndose  -con total normalidade- nos colexios e institutos, seguindo o exemplo  doutros países do noso contorno e aplicando -por fin- as recomendacións  da ONU, da UNESCO e do Consello de Europa, con case dez anos de atraso...  
        Con  todo, a cidadanía, os intelectuais, as universidades, os medios de  comunicación, fan aínda esforzos reducidos por contribuír a visibilizar  na sociedade os Dereitos Humanos. Mesmo no seu día, o 10 de decembro  de cada ano (vimos de comprobalo con tristeza unha vez máis), son escasísimas  as referencias na opinión publicada, ao texto de 1948 e ao seu significado.  
        E  cómpre reler, de cando en vez, o seu Preámbulo e os 30 artigos que  conforman ese texto extraordinario, obra de personalidades excepcionais.  A introdución non articulada resulta dunha lectura moi saudable, especialmente,  en tempos de incerteza e confusión, porque axuda a levantar o ánimo,  mellora a nosa autoestima como especie e fainos confiar na enorme capacidade  das persoas para facer o ben. Identifica inequivocamente a liberdade,  a xustiza, e a paz, sobre a base da dignidade humana, como  dereitos iguais e inalienables para todos e cada un dos seres humanos,  con independencia da súa raza ou cor, crenza, sexo, procedencia social  ou lugar de nacemento.
          Recoñece  que foi o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos o que  orixinou actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade  e declara como aspiración máis elevada das persoas o advento dun  mundo no que os seres humanos,  liberados do temor e da miseria, gocen de liberdade  de palabra e de crenzas.
          E  considera obxectivos irrenunciables a plena igualdade de dereitos  entre homes e mulleres, o progreso social, elevar o nivel de vida, a  cooperación entre os pobos… destacando o ensino e a educación  como os mellores instrumentos para a súa promoción.  
        Ese  magnífico texto, tan vulnerado, esixe de todos nós un compromiso diario  e permanente por facelo realidade. De non ser así, acabará no  Museo do Louvre, ou en calquera outro, como as 282 Leis do Código de  Hammurabi en Babilonia e tantos outros que o precederon...