 
Nacida na Serra de Outes. É doutora en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago e profesora de ensino medio. Comprometida coa lingua galega, é unha das persoas fundadoras da Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística [CGENDL], da que é coordinadora xeral dende novembro do ano pasado.
Vai garantir este  decreto que o galego sexa unha lingua normal?   
 Tal e como está  redactado este borrador, é imposible. O ensino ten que ter un papel  compensatorio da desigualdade das dúas linguas, toda lexislación debe  apoiar ao débil, neste caso a lingua galega, e este decreto non o fai  porque está redactado coma se o galego xa fose unha lingua “normal”  en Galicia e estamos bastante lonxe diso. Baixar a cota de obrigatoriedade  do galego ao 33% en centros onde xa se alcanzou o 50%, ou máis por  vontade do profesorado, supón un retroceso importante, e se se quere  ir cara a unha “normalización” do galego non se poden dar pasos  atrás. Desde a CGENDL defendemos unha educación igualitaria, tamén  na aprendizaxe das dúas linguas oficiais, nas que o alumnado debe acadar  unha competencia lingüística plena ao rematar o ensino obrigatorio.  Polo tanto, este decreto contén unha clara discriminación cara ao  galego.  
 Vai deter a perda  de falantes?   
 Os falantes dunha lingua  non se gañan ou se perden exclusivamente no ensino, pero este é  parte fundamental dunha planificación lingüística que busque a recuperación  da lingua. É imposible, nos tempos que corren, que se manteña  a lingua se os falantes non teñen competencia oral e escrita na nela.  Isto só o pode garantir o ensino. A lingua galega non está en igualdade  de condicións co castelán e a súa presenza é practicamente nula  en multitude de ámbitos da sociedade; polo tanto, é na escola onde  a poden aprender. Todos os especialistas din que cun ensino de menos  do 50% na lingua minorizada é imposible garantir o seu dominio. Daquela,  canta menos xente sexa capaz de ter unha das competencias activas máis  importantes, falar, obviamente menos falantes haberá de galego.  
 Débese aumentar a  presenza do inglés reducindo a do galego?  
 
 A presentación dunha  lexislación que quere ir na vangarda do Estado español (todo el, coas  comunidades monolingües en cabeza, deficitario en coñecemento de linguas  estranxeiras, nomeadamente o inglés) cun ensino trilingüe, onde aparezan  ao mesmo nivel as dúas linguas oficias e unha lingua estranxeira, é  totalmente demagóxico. A fórmula para a aprendizaxe de linguas estranxeiras,  non oficiais na nosa comunidade, non pode estar supeditada a quitarlle  horas ás linguas oficiais, nomeadamente ao galego, que é a que necesita  de potenciación. Desde a Coordinadora apostamos polo fortalecemento  do ensino de linguas estranxeiras pero tomando as medidas pedagóxicas  necesarias e facendo unha planificación seria: reducindo a ratio  de alumnado por aula, dotando os centros de aulas de idiomas ben equipadas,  aumentando as estadías no estranxeiro para o alumnado e o profesorado,  fomentando a súa práctica con lectores nativos, etc. Estas medidas  deben ser dirixidas ao conxunto de todo o alumnado, posto que o dominio  das linguas estranxeiras, e en particular do inglés, non pode supeditarse  ao número de materias que cada centro poida impartir nesa lingua. Outro  punto máis de discriminación na educación.  
 Que vai pasar coa  educación infantil en ámbitos urbanos e periurbanos ou en rurais diglósicos?   
 Se pretenden que as familias  “voten” sobre a lingua en que queren que se lles ensine aos fillos,  e se a elección vai ser ou galego ou castelán, a resposta podémola  saber todos antes de que se faga o escrutinio. O galego e o castelán  non xogan na mesma división, é coma se lle pregunto a un alumno meu  que escolla entre un dos equipos líderes da 1ª división dos que son  fans (R. Madrid ou Barça) e o Outes, por exemplo.  Movémonos nun mercado  lingüístico e o castelán é o que goza dos espazos publicitarios,  é o que á poboación lle parece que é o garante da  promoción social para os seus fillos. Daquela, se isto vai adiante,  a educación infantil, que recolle a etapa na que os nenos e nenas desenvolven  a linguaxe e fixan a súa lingua, será tanto nuns ámbitos coma nos  outros, en castelán. Se ademais a elección se vai gañar por maiorías  simples, aínda que haxa un 49% dos pais que opinen o contrario ca o  51% restante, só van ter liberdade de elección os segundos, a liberdade  dos primeiros queda totalmente anulada. E para máis INRI as “votacións”  serán cada catro anos, é dicir, que haberá pais que teñen agora  os seus fillos en infantil e que ata dentro de 5 anos non terán a posibilidade  de opinar...  
 Que cres que vai pasar  nos claustros á hora de tomar a decisión de cubrir o terzo do  inglés cando sexa o caso? 
 
 Este decreto está  elaborado desde o total descoñecemento da realidade e funcionamento  dos centros educativos e desde unhas bases políticas e demagóxicas.  Parece que familias e alumnado teñen moito que dicir, pero o claustro  do profesorado nada, non se lle vai preguntar nada. Só os consellos  escolares, onde hai representación do profesorado, parece que van ter  oportunidade de falar. Aclarado isto, cando non se poida cubrir o terzo  do inglés, que será na inmensa maioría dos casos, atoparémonos con  situacións surrealistas: pais que teñan que “votar” polo ensino  nunha ou noutra lingua e que se absteñan, daquela igual deciden o tema  o 10% dos pais dun centro; profesorado que sempre dou as ciencias sociais  en galego (porque era obrigatorio desde o 1995) e agora teñan que dala  en castelán, cando teñan os materiais preparados en galego; materias  que os pais decidan (ou teñan que decidir) dar en galego para cubrir  o “cupo” e que non conten con ningún libro editado en galego; profesorado  que sempre deu a materia en castelán e lle “toque” dala en galego.  Os claustros están formados por profesorado que ten abondo que loitar  cos problemas que ten o ensino hoxe coma para poñerse, a maiores, a  elaborar materiais propios en galego. Se non hai materias de obrigada  impartición en galego, que editoriais van arriscar a publicar libros  de texto de determinada materia en galego cando non hai un número certo  de centros que os vaian demandar? E no caso de que o profesor/a teña  que dar a materia en galego teremos a un docente falando en galego e  ao alumnado en castelán e repetindo a lección nesa lingua, por suposto...  
 Pódese equiparar  a situación do castelán e a o do inglés coa do galego e darlles o  mesmo peso no ensino?  
 O galego é unha  lingua minorizada, as outras dúas por circunstancias históricas, económicas  e sociais son linguas de prestixio, que gozan dunha moi boa saúde neste  momento. A sociedade sabe que é imprescindible a súa aprendizaxe,  mentres que dubida da conveniencia do ensino do galego e do ensino en  galego. Ademais, como xa indiquei, o inglés non é lingua oficial de  Galicia. A administración ten a obriga de potenciar a lingua propia  de Galicia, que se atopa ameazada e non a está cumprindo desde o momento  en que se busca limitala no sistema educativo cunha norma moi regresiva.  A escola debe buscar un equilibrio para a aprendizaxe das linguas, xa  que na sociedade non o hai e ese equilibrio pasa por potenciar o galego  no sistema educativo.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto