Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICION NO MUSEU NACIONAL D'ART DE CATALUNYA: CONVIDATS D'HONOR

MNAC: 75 anos de historia, 75 obras mestras feitas en Cataluña.

Interesante xeito de conmemorar un aniversario: tantos anos, tantas obras. Algúns dos creadores están repetidos. Problemas para conseguir bos préstamos, para atopar outros artistas?

Lito Caramés - 22:00 09/02/2010

O Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC) chega aos 75 anos de idade. E para conmemoralo organízanse unha ringleira de actos culturais (un deles xa referenciado nesta sección: a mostra La Princesa Sàbia), sendo o prato forte de todos eles a magna exposición de 75 obras de primeira liña e de todos os tempos: Convidats d'Honor. Hai no Palau Nacional de Montjuïc (o que foi edificio central da Exposición Universal de 1929) pezas que de xeito coral percorren a historia da arte, desde o románico até os anos 30 do s. XX, e que se poden visitar de balde. Exhíbense pinturas sobre madeira e sobre tela, e sobre muro, esculturas en pedra, metal ou madeira, manuscritos, debuxos, fotografías, etc. E non só están instaladas no MNAC creacións que pertencen a museos cataláns e españois, senón de toda Europa e, aínda máis, pezas que até agora nunca saíran da súa instalación orixinal, pois seguen a ser obxecto de culto na actualidade.

Historia do museo

Ao final da exposición, de entrada gratuíta, atoparán os visitantes unha escolma de fotos coa que se pretende ilustrar eses longos anos de historia. Desde 1907 coa creación da Junta de Museus comézase a andar o camiño que permite inaugurar en 1934 o Museu d'Art de Catalunya. Perante os anos vinte os membros da Junta de Museus conseguira trasladar moitas das pinturas románicas das igrexas do Pirineo a Barcelona, para evitar o seu roubo. As coleccións que hoxe están no MNAC pasarán por varias sedes, até confluír todas elas no actual Museu Nacional d'Art de Catalunya (ano 2004). No amplo e excelente catálogo da mostra hai un detallado estudo desta historia e seus seus avatares, favorábeis uns e frustrantes outros.

Excelencias medievais

O MNAC xa conta coa mellor colección de pintura románica, por tanto as obras medievais que se procuraron para esta mostra foron máis polos vieiros da estatuaria. A destacar as representacións do crucificado, xa románicas xa góticas. Sirva como exemplo a Majestat de Beget que aínda hoxe é motivo de peregrinación na súa localización habitual. Con posterioridade fíxose o impactante Devot Crist, de Perpinyâ, merecente, no seu patetismo, de calquera taller barroco católico. Da catedral de Girona chega a obra de Cascalls tradicionalmente dita Sant Carlemany (que, como acontece en moitos casos, nin é santo nin é Carlomagno, pero que durante séculos esta delicada peza de alabastro foi adorada como tal). Trátase ao parecer da escultura dalgún rei da coroa aragonesa -poida que Pere el Cerimoniós- pois o mesmo Cascalls construíu o sepulcro deste rei no mosteiro de Poblet. Outra das pezas peculiares destes séculos medievais e sitas no Palau Nacional é o frontal de Sant Jordi, bordado en seda, prata e ouro, que Sadurní compuxo para a capela de Sant Jordi do Palau da Generalitat de Catalunya.

Renaixença decimonónica e vangardas do XX

Entre o repertorio das tendencias estéticas do século XIX pódese entresacar Lucrecia, de Damià Campeny, unha escultura de mármore branco tan na liña neoclásica que mantiña por aqueles tempos napoleónicos o veneciano Canova, entre moitos outros. O orientalismo está presente coa obra de Fortuny El venedor de tapissos e tamén con dúas pezas dun artista poida que non tan coñecido pero si igual de expresivo e detallista, Josep Tapiró, dúas acuarelas que chegan dunha colección particular. Para demostrar que Convidats d'Honor atinxe calquera tipo de formato creativo tamén se ofrece aos visitantes Tocador, de Antoni Gaudí, un moble na máis pura elaboración modernista.

E a pasada centuria vén representada por nomes moi coñecidos agora e antes, aquí e alén fronteiras, con razón di Joan Miró nas cartas que veñen de ser agarimosamente publicadas por Barcino (Epistolari, 7-III-1927): “Aquí (París) hi ha una gran expectació per tot lo que ve de Barcelona”. Algúns dos creadores representados na escolma do MNAC son Rusiñol, Mir, Nonell (con dúas obras do seu tema favorito: as xitanas), Sunyer, Casas, moitos deles amigos e coñecidos que se arremuiñaban a comezos do século XX no local modernista Els Quatre Gats, por onde pasaba tamén Picasso (con dúas pinturas). A nómina segue con Aristide Maillol, de quen se exhibe a fantástica e definitiva escultura na súa carreira, Mediterrània (obra que, por aquelas cousas que acontecen -hoxe e temporalmente- é posible vela no MNAC e mais na Pedrera, onde está instalada unha ampla mostra deste mestre da quietude e da serenidade escultóricas, e xa referenciada nestas páxinas dixitais). De Madrid chega a forza cubista do Profeta, de Gargallo, e de Florida Les ombres de la nit que cau, de Dalí. Para rematar esta breve relación das 75 obras que ilustran os 75 anos de historia do MNAC val dicir que Joan Miró está representado por tres obras, nin máis nin menos, a máis importante delas na traxectoria do creador é Interior (La masovera), de 1923, un ano decisivo na evolución estética de Miró pois é o momento en que deixa de facer o que fan outros e atopa o seu propio vieiro (que o levará a inventar unha linguaxe expresiva moi persoal) preto da terra e dos elementos paisaxísticos máis elementais: sol, lúa, estrelas ( elementais e definidores da percepción humana).

Repetir artistas é consecuencia de dificultades de préstamos? Ou é que non hai máis artistas que se consideren de primeira fila? Por que non se optou por incluír algunha obra de Clarà, ou de Llimona, ou por que non algún dos Vayreda ou da escola de Olot?

Cap dona”?

Nesta atractiva e rica mostra vótase a faltar, e moito, a man traballadora e creativa das mulleres. Certo é que non houbo tantas en tempos pasados como homes, be se encargou o patriarcado de coutoulles unha e outra vez esas posibilidades, pero houbo (no século X, por dicir un caso, unha monxa chamada Ende firma as ilustracións do fermoso Códice de Girona). E entre as “renaixences” decimonónicas e o século XX, algunha obra saída do cerebro e da man dunha artista ben pode competir con artistas masculinos que traballaron en terras catalás. Quizais Laura Albéniz, Ángeles Santos, Lluïsa Vidal, Lola Anglada? A omisión de mulleres artistas aínda está (se cabe) menos xustificada se se ten en conta que algún artistas (Miró, Picasso, Dalí, Nonell, Tapiró, Martorell) teñen obra repetida. Non se podía optar por outras solucións que de seguro son máis acordes cos tempos de “igualdade” polos que con dificultade (xa se ve) se procura camiñar? Non terán sido problemas de préstamos de obras feitas por pintoras e escultoras os que se atoparon as persoas responsábeis desta mostra, ou si?

EXPOSICION: Convidats d'Honor
MNAC
Montjuïc - Barcelona
Até o día 11 de abril de 2010
Entrada de balde.


3,67/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Fortuny, Venedor de Tapissos, (detalle), 1870
Fortuny, Venedor de Tapissos, (detalle), 1870
Majestat de Beget (detalle), s. XII
Majestat de Beget (detalle), s. XII
Miró, Interior (La Masovera), 1923
Miró, Interior (La Masovera), 1923
Gargallo, El Profeta, 1933
Gargallo, El Profeta, 1933
Nonell, Gitana, 1902
Nonell, Gitana, 1902
Maillol, Mediterrània, 1905
Maillol, Mediterrània, 1905