 
Castelao debuxouno: o rapaz ben calzado dille ao das zocas que está prohibido empurrar. A neutralidade é as veces imposible. A lingua en situacións como a galega, tamén é unha cuestión moral. Sei que isto resulta inconcibible para a maioría. Para a maioría electoral –ten razón don Alberto- é algo neutro, coma o orballo, a caldeirara de raia –quizais non tan importante- ou a urbanización da costa. Para unha parte crecente da minoría, tristemente, tamén é un mero instrumento, útil no campo de batalla, prescindible en tantas outras ocasións.
A moral, palabra masacrada,  non vai de condóns, ritos e remontadas futbolísticas. Si ten que ver  con vivir con coherencia. E cos principios, que tamén están en crise  de identidade –que xa o dicía Marx, don Groucho, “eu teño os meus  principios, pero se non lle gustan, cámbioos”.
Se o Consello de Europa publica   a Carta Europea das Linguas Minoritarias é porque está facendo  unha “orientación de valor”. Porque nesa carta, orientadora das  políticas dos países que a ratifican –como o Reino de España, que  o fixo en abril de 2001- ínstase aos Estados non só a respectar, que  tamén, senón a “facilitar e fomentar” o uso destas linguas. Se  non vale a neutralidade, é porque hai un valor colectivo recoñecible  e recoñecido.
   En Galicia está documentado  o retroceso no uso da lingua propia. Un ex-profesor de universidade,  chamado Anxo Lorenzo, describíao así no 2002, nun Congreso Mundial  en Barcelona, falando sobre as políticas lingüísticas:  “Parece  que tales esforzos normalizadores nin deteñen o proceso substitutorio  nin supoñen, no fondo, un contrapeso efectivo”. Por iso, que, nesta  cuestión, hai sitio para unha pregunta moral: Como o meu comportamento  coopera, é indiferente ou contrarresta ese proceso.
   O decreto do líolingüismo  pode crear esta situación: que a unha profesora capaz, motivada e  decidida  a dar a súa materia en galego lle sexa prohibido facelo; que a un  profesor  incapaz, desmotivado, e decidido a nunca falar en galego lle sexa  encomendada  a docencia en galego.
   A pataqueira é impresionante.  Se hai espazo para a moral, a obxección de conciencia é lexítima  e os tribunais non tardarán en recoñecela. Recoméndolle a don Anxo,  que xa non é profesor, que a regule nunha disposición adicional.  Porque isto vai ser moito.  
 
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto