 
 
Non se aclaran sobre o reparto de culpas, pero admiten os furados. Na mesa unha petición do BNG para investigar a demora na atención do último afundimento que rematou con mortes.
 
											O naufraxio do 'kea', último suceso grave na costa do país
Descoordinación, déficit de medios ou ambas as dúas cousas? O voceiro no eido marítimo do BNG, o deputado Bieito Lobeira, requiría hai poucos días a apertura dunha investigación que resolva as "moitas interrogantes abertas" logo do recente afundimento do buque Kea. Un só dato acende a preocupación: pasaron 16 horas desde o primeiro aviso de emerxencia até que se produciu o rescate.   
  
  Neste escenario, desde o grupo parlamentario do PSdeG aproveitan para cargar contra a Xunta cualificando de "temeraria e irreflexiva" a xestión dos medios de salvamento marítimo. A voceira socialista na área, a deputada Marisol Soneira, reprochou as críticas da conselleira de Pesca ao anuncio do Ministerio de Fomento dunha base de salvamento marítimo en Cee, lembrando que se trata dun proxecto "que o PP desbotou dous meses despois da súa toma de posesión no Goberno". Para Soneira existen "graves contradicións" na posición do PP, que demandaba un novo helicóptero en 2008, renunciaba á base de Cee en 2009 e reclamaba agora un helicóptero mellor para o mesmo lugar. A portavoz socialista censura que os populares apelasen á austeridade para anular o concurso para a adquisición do novo aparato "cando agora parece que a necesidade existía e incluso é demandado a outras administracións unha mellora en razón das condicións climatolóxicas particulares de Galiza".   
  
  Helicópteros con horario de oficina 
  Ás acusacións retruca este luns o portavoz do PPdeG, Xosé Manuel Balseiro Orol, para quen "se hai unha xestión irresponsábel e temeraria dos medios de salvamento en Galiza esa foi a desenvolvida pola anterior Consellaría de Pesca, nas mans do  PSdeG". Para Balseiro, a xestión na época do bipartito caracterizouse nesta materia "polo absoluto desprezo pola opinión das xentes do mar e por desbotar os criterios técnicos que aconsellaban unha mellora neste servizo". Para o deputado do PP, exemplo das súas acusacións son o que cualifica de "múltiples fallos e as carencias" fronte a emerxencias marítimas como as do naufraxio do buque Cordero ou do Rosamar. Ao respecto do anuncio de Fomento sobre a dotación para a base de Cee, Balseiro defínea de "engano", argumentando que o helicóptero "chega con 15 meses de atraso" e "ante a obsolescencia do actual". 
  
  Doutra banda, xustifica o deputado do PpdeG que a Xunta axilizou a operatividade ante as emerxencias ás 24 horas do día, os 365 días do ano. Segundo a acusación do PP,  co modelo de o helicóptero do Estado "probablemente só ofrecerá un servizo en horario de oficina,  de 9 a 15 horas, sen capacidade resposta inmediata fóra deste horario".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto