 
 
Os grupos apoian a iniciativa do BNG para que o legado do rianxeiro sexa obxecto do máis alto nivel de protección que contempla a lei.
 
											Ana Pontón, voceira de Cultura do BNG
Escritor, caricaturista, articulista, debuxante... e alén de todo iso, un político que pulou por un obxectivo "fundamental": impulsar institucións "como esta na que hoxe debatemos esta iniciativa". Deste xeito expoñía este mércores no Parlamento a deputada nacionalista Ana Pontón, unha proposición non de lei do BNG en defensa de que o legado de Castelao sexa declarado "Ben de Interese Cultural". A iniciativa foi finalmente obxecto dunha das pouco habituais unanimidades dos tres grupos parlamentarios, que apoiaron a idea co seu voto. O convenio asinado polo executivo coa Fundación Castelao na lexislatura anterior para catalogar o conxunto da súa obra favorecería a axilidade no proceso. 
  
  De paso, Pontón expuxo a convicción do seu grupo de que este Ano Xacobeo 2010 é boa ocasión para impulsar e proxectar a divulgación da obra de Castelao. De xeito concreto, instou a Xunta a promover a organización dunha grande exposición adicada á vida e obra de quen cualificou como "a figura máis relevante do pensamento do século XX" e chamou a fixarse en iniciativas como a recente mostra promovida pola Deputación de Lugo. Unha oportunidade ademais, subliñou Pontón, para "recuperar e divulgar a obra de Castelao" tamén como xeito de "recuperar unha parte da nosa memoria histórica".   
  
  De paso, a deputada nacionalista valorou a unanimidade na aprobación da iniciativa logo de reclamar que "os prexuízos do PP "en materia lingüística e cultural galega" non impedisen a beizón ao proxecto. Ao fío, referiuse criticamente á recente tradución que en sede parlamentaria o presidente da Xunta fixo do discurso Alba de Gloria, e pediu poñer en valor a obra de Castelao "sen filtros nin manipulación".
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto