Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
DENUNCIA DO PSdeG

Os concellos do PP reciben a maior parte das axudas a parados

Os socialistas denuncian “clientelismo” e subliñan que os municipios populares obteñen 614 euros de media, fronte aos 233 do BNG e os 194 do PSdeG.

Redacción - 08:45 23/04/2010
Tomé Roca fixo a denuncia no Parlamento

Tomé Roca fixo a denuncia no Parlamento

“Sen cortarse un pelo, fixeron un reparto de fondos totalmente discrecional, favorecendo de xeito descarado aos concellos onde goberna o PP”, acusa o deputado socialista Xosé Tomé Roca. O PSdeG fixo a denuncia no Parlamento, onde acusou ao Goberno de “reparto escandaloso e clientelar” das axudas á contratación de desempregados que concede a Xunta aos concellos.

Como proba presentan os datos de axudas dos Programas de Cooperación publicadas por Traballo no DOG (29 de marzo): os municipios populares recibiron 614 euros de media, fronte aos 233 que recibiron os do BNG e os 194 que cobraron os do PSdeG. Ademais, Tomé Roca, explicou que a Xunta “amparou esta cacicada mudando as persoas encargadas de facer as valoracións das solicitudes”.

Destacou que a situación resulta aínda peor no caso das grandes cidades, xa que, fronte á media de 614 euros dos concellos do PP, Ferrol percibe 86 euros por parado, Pontevedra 118, Santiago 156, Lugo 110, Ourense 133, A Coruña 71 e Vigo 70 euros por parado. Fronte a estes datos, os concellos de Moeche ou Boqueixón, os dous do PP, recibiron 1.984 e 1.147 euros por parado, respectivamente.

No bipartito, "reparto igualitario"
Os socialistas lembran que, durante a pasada lexislatura, a media de Galiza era de 275 euros por parado, que se dividían en 292 euros para os concellos gobernados polo PPdeG, 265 euros para os liderados polos socialistas e 257 para os administrados polos nacionalistas. “Había un equilibrio”, destaca ao tempo que cualifica o reparto actual de “unha decisión de castigo político”.

Co obxectivo de que “se estabeleza un sistema de reparto xusto”, o deputado socialista rexistrou unha interpelación para que a conselleira de Traballo, Beatriz Mato, “explique que os parados dos concellos onde goberna o PPdeG valen 544 euros máis que os da Coruña ou de Vigo”.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: