 
 
O BNG lémbralle que Europa "recentemente autorizou axudas públicas a distintos estaleiros polacos sen lles impor a prohibición de construír buques".
 
											Estaleiro de Navantia Fene
En resposta ao deputado do BNG, Francisco Jorquera, o presidente do goberno español recoñeceu que continúa sen obter resultados para que a UE levante o veto que pesa sobre Navantia Fene para construír buques civís. "A situación actual do sector naval, e en concreto a do estaleiro galego, non é a mellor das posíbeis", asegurou José Luis Rodríguez Zapatero. 
  
Aínda que o goberno español ostenta a Presidencia de quenda da UE desde o pasado 1 de xaneiro e Zapatero comprometeuse coa cuestión, na súa intervención non deu garantía ningunha de que poida conseguir mudanzas nas poucas semanas que fican para rematar o semestre: "Continuamos a traballar e agardamos ter resultados", dixo. 
  
Jorquera lembroulle ao mandatario español que no Debate de Política Xeral do ano pasado se aprobou unha resolución do BNG que emprazaba ao Executivo estatal a realizar xestións na UE sobre Navantia Fene.   
  
"Prudencia", solicita Zapatero 
"Que actuacións levou a cabo o seu Goberno? Como é posíbel que o ministro de Industria diga que non se iniciaron xestións para a reapertura do expediente de Fene, porque podería obrigar a devolver as axudas públicas concedidas no seu momento ao grupo Izar? Descoñece o Ministro os compromisos asumidos por vostede?", inquiriu o nacionalista.   
  
Zapatero, pola súa banda, apelou á "prudencia" do ministro de Industria "nun tema difícil". "Moita prudencia si, mais o ministro aínda non formalizou a solicitude de petición de reapertura do expediente", retrucoulle o voceiro do BNG no Congreso. 
  
Neste senso, Jorquera salientou que a UE autorizou recentemente a concesión de axudas públicas a distintos estaleiros polacos "sen lles impor, como a Fene, a prohibición de construír buques". De igual xeito, "a UE autorizou tamén axudas públicas á banca ou ao sector do automóbil", engadiu.
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto
 RSS
					| Que é Vieiros?
					| Que é o RSS?
					| Creative Commons
					| Publicidade
					| Director
					| O equipo
					| Contacto