Coa colaboración de Sogama

Nº14 Xuño 2010
Contacto

A compostaxe doméstica

Os materiais orgánicos que acaban no lixo, como é o caso dos restos de comida, poden utilizarse para a fabricación de compost. O compost é un fertilizante natural resultado da compostaxe, o proceso de descomposición de restos orgánicos. A compostaxe doméstica aproveita os restos xerados no fogar para producir este abono coa fin de usalo para as propias hortas, xardíns e plantas da vivenda.

 

En moitas casas galegas do rural é coñecida a práctica tradicional de separar os residuos orgánicos para usalos como alimento do gando ou para a elaboración de abono. Trátase dun sistema moi sinxelo que, na actualidade, os ambientalistas recomendan non esquecer.

O primeiro é buscar un lugar adecuado na horta ou xardín onde colocar o 'composteiro'. O composteiro é o recipiente onde imos botando os restos e, aínda sen ser imprescindible, facilita o proceso: evita que animais remexan nos restos, fai máis doado controlar a temperatura e humidade, evita malos olores e acelera a compostaxe. Pola parte de abaixo debe estar en contacto directo coa terra: é fundamental que os microorganismos descompoñedores accedan facilmente ao interior. A maiores, cumpriranos unha pa para remover o compost durante o proceso e para recollelo ao final.

 

  • Exemplo de cousas que podemos depositar no composteiro:
    Restos de comida: froitas e verduras; casca de ovo; arroces e pasta cocida; pan. Pousos de café, té e infusións. Cinzas e serrín de madeira non tratada. Papel, cartón, xornais. Restos de poda, raíces, follas, céspede e material do xardín esmiuzados (canto máis leñoso, máis tempo tarda en compostar). Restos de colleita da horta, sen pesticidas ou fitosanitarios. Esterco de animais herbívoros. Pó e peluxe do aspirador, fibras naturais, pelos, anaquiños de teas naturais, plumas.

  • Exemplo de cousas que non debemos depositar no composteiro:
    Aceites vexetais e minerais. Restos de plantas enfermas ou con pesticidas, insecticidas, etc. Madeira tratada con pinturas,vernices, etc. Produtos lácteos. Peixe ou carne. Follas de piñeiro ou eucalipto. Excrementos humanos ou de animais domésticos carnívoros (cans,gatos,etc...). Medicamentos. Pañais desbotables. Papel de cor brillante, impreso con tinta de cor ou plastificado. Obxectos duros, pedras, vidro, metal, plástico, tetrabrik, baterías...


 

  • ...a metade do lixo xerado nos fogares é materia orgánica, susceptible xa que logo de ser usada para a elaboración de compost

  • ...o compost só se consegue en presenza de osíxeno, é o que se chama 'un proceso aerobio'. Xa que logo, ás veces hai que usar unha pa para remover os restos e airealos, facilitando así a compostaxe

  • ...as plantas que usan compost como abono gañan resistencia contra pragas e enfermidades diversas, unha fortaleza que ten que ver coa riqueza en nutrientes do compost que o fai idóneo para esta función aboadora

  • ...para termos un proceso de compostaxe é necesario que a mestura dos restos non estea húmida en exceso, xa que nese caso teríamos un proceso de putrefacción. Por ese motivo, debe vixiarse que a humidade non sexa excesiva, engandindo materiais máis secos (ramas, cartón, follas secas...) para controlar que a mestura apareza compacta e non esmiuzada ou demasiado pingañenta.

 

-Manual de compostaxe doméstica editado por Sogama (.pdf)

-Vídeo: Introdución á compostaxe urbana doméstica

-Vídeo: Fagamos compost

-Vídeo: Unha terraza comestible

-Rede Estatal de Entidades Locais Pola Compostaxe Doméstica

-Adega: Dossier sobre compostaxe

-Manual de compostaxe caseira editado pola Universidade da Coruña

QUEN SON OS AUTORES DESTE TRABALLO

Vieiros