É unha das primeiras cidades en acoller unha exposición que recolle traballos destacados no certame World Press Photo.
A imaxe premiada, de Piero Masturzo
Xa está aberta na Coruña unha exposición que recolle fotografías premiadas no World Press Photo. Será unha das primeiras cidades do mundo en acoller a mostra, que só se puido ver até o momento en Amsterdam e agora tamén en Lisboa e en Split.
A escolma dalgúns dos mellores traballos fotoxornalísticos do ano pódese visitar no Aquarium Finisterrae, e inclúe imaxes de 62 autores de 45 países. Até o 27 de maio amósanse imaxes clasificadas en 10 categorías, que van dende a acción, a arte ou a natureza aos retratos ou os personaxes de actualidade.
A fotografía que gañou a última edición do certame foi unha obra de Pietro Masturzo que amosa unha muller berrando dende a terraza dun edificio en Teherán, durante as xornadas de protestas posteriores ás eleccións presidenciais iranianas.
Ademais desa fotografía, na Coruña pódense ver traballos do palestino Mohammed Salem, sobre a faixa de Gaza, ou do australiano Adam Ferguson, que amosa un atentado suicida en Afganistán.